12 de maio de 2010

As tres batallas de Feijóo. Entre a paranoia e a esquizofrenia ( 1 )

Xoán Hermida

Cando o Sarkozy galego e o seu grupo neocom se instalou no goberno da Xunta de Galicia, ou como lle gusta dicir a Xosé Manuel Beiras “o grupo de demolición e limpeza étnica instalouse en San Caetano”, sabia que no horizonte próximo tiña tres batallas.

Unha de caracter interno, na procura da homologación partidaria dun PP neoliberal no que foran eliminados os últimos vestixios do “populismo” rural do grupo da boina. Unha segunda de caracter económico-financeiro para apuntalar o modelo especulativo de Caixa Galicia no proceso de reestruturación da banca española. E unha terceira de caracter cultural nun combate contra a resistencia ética que non está a permitir que se arraxe coa biodiversidade lingüística e humanística que supón o noso máximo elemento identificador: o idioma.

Para as tres batallas contaba a priori con varias vantaxes: unha maioría parlamentar suficiente para impoñer ás súas políticas e os seus caprichos; unha oposición desnortada e descabezada física e intelectualmente; e un lobby empresarial e mediático con centro no polígono de Sabón que xa lle prestará grandes servizos durante a última campaña electoral.

Así que parecía que as tres batallas se ían a gañar case sen iniciarse, nun autentico paseo militar. Pero as cousas comezaron a torcerse pronto.

A batalla interna por homologar o PP, deixando no esquecemento aquela imaxe do outra hora poderoso Xosé Cuiña rachando o carné do PP estatal e repartindo carnés do PPdG, parecía sinxela polo que foi a primeira en dar.

Tratábase de reducir a cinzas o feudo ourensá de Baltar ( pai ). Para elo contaba co apoio do aparato do PP estatal e do propio Mariano Rajoy. Mesmo conqueríu un candidato propio que tivera o aval dalgún deputado autonómico da provincia.

Uns días antes da celebración do congreso provincial “La Voz de Galicia” anunciaba como se ían producindo desercións en masa do campo baltariano e anunciaba que as posibilidades de Baltar ( fillo ) eran escasas trala perda da elección de compromisarios en Ourense cidade.

Minusvalorouse a capacidade de control e de manobra que a estrutura de Baltar, herdada de Victorino Nuñez e allea ao modelo liberal urbano do PP, tiña na Galicia interior.

Así as cousas, Feijóo tivo que asistir, con cara de poucos amigos, ao acto de peche dun congreso provincial onde a familia Baltar e o modelo “centristas de Galicia” impúñase ao modelo PP.

A segunda batalla iniciouna directamente “La Voz de Galicia”, sabedora dos problemas financeiros de Caixa Galicia e aproveitando a reestruturación bancaria a nivel estatal.

Para elo necesitaban un verniz de “pseudogaleguismo” e ocultar ao verdadeiro interesado na fusión: Caja Madrid.

Diante das resistencias de Caixa Nova, representante nítido do sector empresarial produtivo fronte ao especulativo da caixa do norte, houbo que poñer en marcha a artillería patriótica e utilizar ao equipo dirixente dun BNG necesitado de trunfos como aval ideolóxico da operación. Así nun tramite de urxencia, coma non recorda o parlamento galego, PP e BNG aprobaron un nova lei de caixas nun prazo record de mes e medio.

Se os dirixentes do BNG houberan lido algo máis a Marx ( en lugar de proclamalo ) e estudado algo de economía política saberían que: o proceso de fusións de caixas enmarcase nun camiño de bancarización das mesmas; que a lei de caixas aínda que non fora recorrida polo goberno central ía ter pouco percorrido diante dun pacto PP-PSOE pola destrución do modelo de caixas tal como o coñecemos ata agora; que aínda que as dúas caixas non son alleas a este proceso de bancarización foi Caixa Galicia quen foi máis aló no proceso especulativo financeiro e polo tanto máis alonxado do tecido produtivo do noso país; e por último, que detrás do discurso “galeguista” do goberno existía unha operación máis ampla de absorción das nosas caixas por Caja Madrid.

A situación financeira de Caixa Galicia desaconsellou a operación de fusión a tres bandas e a partir de aí , e co beneplácito do Banco de España, Caixa Nova empezou a marcar a dirección da mesma.

Aínda así, o tándem PP-BNG dirixidos polo Grupo Voz intentaron unha última táctica de desacreditar ao presidente de Caixa Nova, Julio Gayoso, sinalándoo como o causante dun posible fracaso da fusión.

O que non podían imaxinar Feijóo e os seus acompañantes e que o pacto Rajoy-Zapatero para acabar coas caixas ía a ter un agasallo envelenado: o reparto de influencias entregando Caja Mediterránea ao PP e Caixa Galicia a Caixa Nova.

Así que o tan vilipendiado Gayoso presidirá a nova caixa galega e a súa sede financeira estará na súa xurisdición. Nova derrota de Feijoo.

A terceira batalla era, a priori, a máis fácil de gañar: a da defensa do noso idioma e patrimonio cultural. E era fácil de gañar porque a maioría dos galegos, tal como teñen amosado diversas consultas sociolóxicas, non se teñen crido a infamia de que o galego se esta a impoñer e segundo porque ninguén pode entender, nin tan sequera os votantes do PP, que tal como novamente con lucidez ten descrito Xosé Manuel Beiras, exista un goberno no mundo con políticas de analfabetización.

En todo caso esta batalla, como digo a priori a máis fácil de gañar, teño as miñas dubidas de que se gañe en termos políticos. A ela se chega cos movementos cidadás desarticulados e postos ao servizo de intereses partidarios – a MESA é un claro exemplo deles – e a segunda é que a estratexia miope do BNG neste campo está centrada no rédito electoral – tal como no seu día fixeron con NUNCA MAIS – en lugar de no rédito político e nos intereses nacionais.

A dirección estratéxica da defensa do idioma é feble, soamente compensada pola aparición do colectivo PROLINGUA que non obstante non se atreveu aínda a dar un paso adiante e converterse no vertebrador social necesario da defensa plural do noso idioma.

En todo caso, e aínda que esta batalla tamén a perdera Feijóo, todo apunta a que a guerra a ten gañada.

A inexistencia primeiro dunha oposición institucional que mereza tal nome e posteriormente dunha alternativa política nacional e de esquerdas facilitan que durante este último ano os temas importantes: a calidade da educación, a defensa da sanidade pública, a preservación do noso habitat, a destrución dos sectores estratéxicos da nosa economía,... pasaran desapercibidos.

Por certo alguén se lembra do tema do novo estatuto, esvaiuse da axenda coa mesma facilidade que esvaiuse a herdanza do bipartito.

2 comentários:

  1. A razón pola que Feijóo ten a guerra gañada é por que seus rivais se matan entre si (como pasou antes no goberno). Porque ocorre iso? Por que nin BNG nin PSdG ten uns ideais ben definidos, nin un proxecto claro para Galiza, nin unha estratexia de goberno deseñada (porque saben que dependen do outro para gobernar).

    Logo todo vai en función do resultado. Segundo vote o pobo repártense o pastel e establécese un novo programa, cada un deles cedendo na proporción marcada. O mundo do revés: primeiro celébranse os comicios, lgo elabórase o programa de goberno. Como pode funcionar iso?

    ResponderEliminar
  2. Lista abertas XA!!!

    ResponderEliminar