11 de junho de 2011

O espírito de Kruschev



Xoán Hermida

Pasaron seis meses desde o inicio das revolucións democráticas árabes e algúns aínda están buscando a orixe da conspiración.

Un mes despois de que as rúas se encheran de xente reclamando democracia real, os departamentos de control dos partidos de esquerda (e tamén por suposto da dereita) aínda non acaban de entender o que esta a pasar.

Tras uns primeiros momentos de confusión, e visto que as campañas de descrédito non facían o efecto desexado, acharon a solución: deixar que a onda pase e que baixe a marea da indignación.

Esta non é unha táctica nova pero eu aconsellaríalles non apostaran tódalas súas bazas á mesma porque poden levarse algunha nova sorpresa.

Primeiro, en clave global, porque estamos a vivir a segunda onda de cambios tralo inicio da globalización e estes que se están a producir no mundo árabe, a diferenza da primeira onda que se iniciou hai unha década en América Latina , dáse nun contexto de crise sistémica e de fartazgo que posibilitan que se estenda sen control.

Segundo, en clave interna, porque hai tempo que se percibe que o armazón político-institucional e cultural saído da transición tocou teito. O peche en falso da solución federalizante proposta na reforma ‘abortada’ do estatuto de autonomía de Catalunya; a solución do problema da violencia no Pais Vasco e os resultados electorais de Bildu; a entrada en acción dunha nova xeración nacida en democracia e que non se sinte concernida polos acordos da transición ou a novas formas de exercer a cidadanía con instrumentos de mobilización e de expresión como o voto en branco, son algúns dos elementos que marcan un antes e un despois.

Terceiro, en clave política, a incapacidade das estruturas partidarias da esquerda para renovar proxectos, estratexias, actitudes ou mensaxes chocan cunha sociedade civil cada vez máis madura e autoorganizada que non se conforma con mínimos e non renuncia a unha profunda renovación democrática.

Cuarto, en clave electoral, o declive lento pero continuo, do nacionalismo galego desde hai unha década amosa que máis aló de un ciclo electoral estamos a asistir ao final dun xeito de entender o proxecto de Galicia desde a esquerda e que unha nova formulación (ou reformulación) faise necesaria.

Quinto, en clave democrática, as novas tecnoloxías e a nova cultura de dialogo permiten que o debate estease a dar ‘extramuros’ o cal dificulta o control e o acoutamento dos debates e a resolución disciplinaria dos mesmos.

Así as cousas, a aparición hai uns días da Iniciativa BenComún xurde da convicción de que non se pode seguir así e que fronte aos que piden silencio faise necesario facer ruído. Quizais non volvamos a ter pronto unha nova oportunidade para poder airear o hábitat onde se poida asentar unha nova esquerda ou para osixenar a terra onde se semente o nacionalismo do século XXI.

Vivimos co espírito de Kruschev presente.

Hai uns anos alguén emulando ao dirixente soviético golpeou cun zapato nas bancadas do parlamento converténdose no primeiro indignado. Posteriormente ao igual que Kruschev foi desprazado polo comisariado político. Agora tratase de que as areas movedizas da burocracia non afoguen para sempre a renovación necesaria porque de seguro que senón se fai agora, ao igual que ocorreu no seu momento, cando chegue un Gorvachov a cousa non terá remedio.

Necesitamos un novo zapatazo, individual e/ou colectivo.

2 comentários: