16 de junho de 2011

O que fai falta


Xoán Hermida

Cústanos a todas e todos, cidadanía, medios de comunicación, organización sociais, e sobre todo aos partidos políticos entender o que esta a ocorrer.

Algúns aínda están preguntándose os porqués desta rebelión cívica dos mozos e mozas iniciada o 15M. Algúns aínda están buscando aos conspiradores.

Pois, voulles a dicir a verdade, si houbo conspiración. Lévanse reunindo ano tras ano en Dávos, nos cumios do G-8, nas executivas do FMI e do Banco Mundial, nos reservados das reunións da Organización Mundial do Comercio.

Conspiran contra a democracia, baleirándoa de contido e decidindo as entidades financeiras e as grandes corporacións a gobernanza do mundo, os destinos de todos e todas.

Conspiran contra a humanidade e contra o planeta.

Estamos nunha nova etapa e cumpre afrontala cunha nova mentalidade, caracterizada pola apertura, a xenerosidade e a actitude de indagar, crear e innovar.

Os cidadáns e as cidadás da esquerda política e social, ata agora preocupados e a partir de agora ocupados, temos que construír unha AXENDA COMUN: contribuír a renovación profunda e medular da esquerda nacional galega para que existan alternativas ao actual dominio da dereita política e o que é máis importante para que existan alternativas no campo do debate cultural.

Estamos diante dunha grande oportunidade: os muros caeron, que hoxe non é posible pechar os debates nas forzas políticas intramuros, os partidos teñen que entender que non son un club privado e que teñen que dar conta aos que están extramuros e os interpelan senón queren seguir illándose máis

A nosa rebeldía cívica non é contra os partidos. Nin contra o PSdG, nin contra o BNG, nin contra EU ou outros partidos existentes. Nin tan sequera contra ese novo partido que din que se vai a crear.

A nosa rebeldía vai contra o escurantismo e a falla de transparencia, contra o dogmatismo e a burocracia, contra a privacidade do debate e contra a corrupción política e moral.

Non é un problema unicamente programático e un problema metodolóxico e medular.

Necesitamos practicar un transplante de medula que afecte ao ADN dos actuais partidos como interfaces de representatividade.

Necesitase un manual de estilo ‘democrático’ que permita reconstruír novas relacións coa cidadanía

Necesitase construír novos programas que respondan as novas preocupacións da xente. A esquerda e o nacionalismo, a esquerda nacional, pivotou na etapa anterior o seu programa sobre os dereitos sociais e nacionais, e debe seguir facéndoo, pero debe incorporar con forza as novas demandas: a da radicalidade democrática, a medioambiental nun país mil veces agredido, as necesidades afectico-emocionais das persoas, a cultura da paz e do dialogo,...

Hai dúas formas de enfrontarse a esta onda de indignación e rebeldía cívica. Esperar calados a que baixe a onda e todo volva a normalidade, nunha especie de pacto de silencio -craso erro xa que hai un antes e un despois e sería o suicidio da esquerda e do nacionalismo- e a outra é a da axitación e a da voz rotunda e transparente no debate público iniciado -esta debe ser a aposta de que quere desentaponar, desbloquear, crear condicións para o dialogo, para novas converxencias-.

O país á esquerda ten moitas potencialidades secuestradas, desde hai tempo, que compre liberar se queremos construír unha nación moderna

Son dos que penso que aínda estamos na etapa da diagnose e polo tanto non é, o momento procesual, de plantexar as propostas.

Simplemente se os aparatos dos partidos da esquerda aceptaran que existe un problema en lugar de instalarse na autosatisfacción xa teriamos algo avanzado.

En todo caso para aqueles que buscan respostas, eu que xa confeso que non as teño, vou facer un listado do que me gusta (como cando pinchas no muro de Facebook) e o que non me gusta.

Quizais poida sirva para crear o novo dicionario terminolóxico da esquerda galega do século XXI ou cando menos para compartillar con vos algúns tags.

Gústame (+):

  1. O neogaleguismo cívico
  2. O ecosocialismo (sector neocomunista)
  3. Os escritos de Karl Marx e Friedrich Engels, de Lenin e Gramsci
  4. A filosofía da praxe e o empirismo dialéctico
  5. O radicalismo cívico e a (r)evolución
  6. ‘Hai que botalos’ unha vez máis
  7. A democracia real e o amor libre
  8. O patrimonio inmaterial da humanidade
  9. As organizacións con paredes de vidro
  10. Os axitadores de masas e as activistas da esperanza
  11. Os optimistas da vontade
  12. A intelixencia e o pensamento autónomo
  13. A retranca e a risa
  14. Os ‘grundrisse’, a transversalidade e as labregas
  15. A intersuxeitividade animal e a harmonía coa natureza
  16. As mulleres decididas buscando a súa cadeira
  17. O altermundismo e a solidariedade
  18. A politización do cotiá e o consumo responsable
  19. O comercio xusto e a soberanía alimentar
  20. As finanzas éticas e o cooperativismo
  21. A sensibililidade e a empatía

Non me gusta (-):

  1. O nacionalismo populista
  2. O paleocomunismo e a socialdemocracia clásica
  3. O marxismo [guión] leninismo
  4. O pragmatismo curtopracista e o principismo estéril
  5. O fanatismo ideolóxico e a liturxia
  6. A ‘novísima’ dereita e a vella esquerda
  7. A ditadura do partido e a intolerancia
  8. Os catecismos e os prospectos
  9. Os clubs privados
  10. Os comisarios políticos e os profesionais da desilusión
  11. Os resentidos e os que alimentan o resentimento
  12. O dogmatismo e a imbecilidade orgánica
  13. O cinismo e os descridos
  14. O programa de Ghota, o obreirismo e o corporativismo
  15. O industrialismo e o desarrollismo
  16. A real academia galega
  17. Os localismos e os guetos
  18. O consumismo e o carrefour
  19. A organización mundial do comercio e os tratados de libre comercio
  20. A nova caixa galega banco
  21. A mirada turbia e a corrupción moral

1 comentário:

  1. Gustoume moito que non che guste a NCG Bank. A min tampouco me gusta que se meta por ahí Castellano. Para algúns xornais parece que é o mesias e eu só teño un Mesías.
    Apertas. Alvaro

    ResponderEliminar