6 de setembro de 2011

Co facil que seria si se deixasen controlar



“Que as arbores non nos impidan ver o bosque”

Xoán Hermida

Estou convencido que o 2011 será interpretado historicamente, ao igual que o foi 1848, como un período de revolucións e movementos democráticos a escala rexional (mediterránea) desde Tel Aviv e Rabat, desde Atenas a Lisboa.


Cando todo parecía indicar que o movemento 15-M ía ter o seu máximo inimigo nos ‘mass media’ ao servizo do statu quo e xa se comezaba a campaña de desprestixio previa á campaña de represión e ao posterior pasamento, xurdiu a ‘esquerda de toda a vida’, os intelectuais orgánicos e os liberados sindicais para poñer as cousas no seu sitio.

Contase que coincidindo coas mobilizacións masivas contra o pacto do euro, que en toda Europa convocaron as centrais sindicais e aquí o movemento de ‘indignad@s’, o actual secretario de CC.OO, Ignacio Fernández Tojo, comentou no seu entorno a necesidade de desactivar ao movemento 15-M porque puña en cuestión a hexemonía e a estratexia sindical. Algo parecido debeu pensar no noso país o noso par de humoristas máis famosos:Vázquez & Vázquez.

Por suposto que non todos os partidos son iguais e por iso unha das labouras claves da esquerda é volver a reconstruír as pontes entre a sociedade civil e os seus representantes, pero ollo !, quen tirou as pontes foron os partidos e non a cidadanía (a esta última como moito pódeselle achacar en última instancia erros tácticos).

As forzas políticas deberían facer o que os cristiáns chaman sacramento da penitencia ou tamén, moi adecuadamente neste caso que nos ocupa, ‘sacramento da reconciliación’.

Pero para iso obviamente teñen cinco pasos a seguir: exame de conciencia (chamado na esquerda crítica e autocrítica); dor dos pecados; propósito da emenda; dicir os pecados ao confesor (ou sexa desculpas públicas); e por último, cumprir a penitencia.

Dáme que a maioría dos partidos non fixeron, nin van a facer, os catro primeiros e van pasar por imperativo cidadá directamente ao quinto. En democracia iso chamase derrota nas urnas, e esa é a penitencia que a esquerda vai ter, lamentablemente para todos e todas se alguén non o remedia, o próximo 20-N.

O futuro do 15-M está por ver, e ao mellor ‘morre de éxito’ ou de indisposición por algúns gurús e algunhas correntes infantís, pero precisamente a súa 'desorganización’ é o seu maior activo, pois lle vai permitir non naufragar nas augas da senvergoñeria política na que nos soemos mover ao dificultar a súa instrumentalización.

Os conceptos cos que traballan as forzas políticas e as centrais sindicais son do século XX, por non dicir do século XIX que sería máis adecuado, é o século XXI estáselles a facer moi costa arriba e iso que so acaba de comezar.

Os partidos da esquerda teñen un ataque de corporativismo impropio deles. Non entenden o que esta a ocorrer e irán de vitoria en vitoria ata a derrota final. E non o digo so polo PSOE ou o BNG, o digo por todos, porque todos están contaminados polo mesmo 'estupidismo'. Parece como se as antigas escolas de formación socialdemócratas en Bonn ou as comunistas en Moscova, foran substituídas por escolas de 'imbecilidade humana’, que diría Celso Emilio.

Se foran un pouco intelixentes (pois listillos son e moito) estarían menos preocupados da imaxe e máis de mellorar a vida dos seus concidadáns. E estarían satisfeitos porque as súas propostas programáticas foran recollidas polo movemento 15-M. Pero todo o contrario, lles molesta que a xente faga súas as propostas que eles abandonaron hai tempo na practica, porque non eran politicamente correctas.

E agora se queixan de que a xente 'indignada' non lles faga a ola. Que ‘se lo hagan mirar’: o PSOE por pasarse á dereita, o BNG polo mesmo e máis, IU polo seu sectarismo, os grupúsculos do esquerdismo independentista por querer construír un Gulag; e todos por vivir de costas á realidade.

Gañara a dereita e fará unha desfeita do estado de benestar material e do estado moral inmaterial e se quedarán todos anchos porque terán unha nova ocasión para manifestarse e demostrar que aínda son os amos da mobilización. Iso si, botaranlle a culpa aos mozos e mozas do 15-M de que a dereita gañara do mesmo xeito que no 33 botáronlle a culpa as mulleres da vitoria da CEDA.

Pero os únicos responsables da vitoria da dereita serán eles e por iso eu os maldigo.

1 comentário:

  1. Respecto a cidadanía (a esta última como moito pódeselle achacar en última instancia erros tácticos), non establece estratexias como colectivo, polo tanto, dificilmente se lle poden atribuír erros tácticos.
    Respecto a derrota nas furnas como penitencia dos partidos teño as miñas dúbidas. Cumprirán a penitencia uns, porque aínda que o neguen, sempre existen uns que perden, e outros non, os que ganan.
    Concordo coa deriva da esquerda en xeral, non é cousa dun partido, é a imbecilidade que os abrangue a todos… por iso os partidos de dereita, igual de responsables, non sufrirán pena algunha. Saben entender o suficiente a sociedade para sacar o máximo rendemento a unha situación adversa. Iso fainos máis intelixentes a ollos vista e, polo tanto, resulta máis doado depositar a confianza neles, eu o primeiro -pese a ideoloxía contraria-. Unha persoa que se ten por intelixente e lle dan a escoller entre dereitaintelixente ou esquerdaestupida non debería dubidar nin un chisco, aínda a dereita leve por diante ese mal construído estado do benestar por diante.
    Cando menos levarase consigo o estado, esa abstracción grupal decimonónica a que aínda aspiran os nacionalistas. Esa é outra, a nación!

    ResponderEliminar