13 de setembro de 2011

O conto da galeguidade de NCG chega ao seu fin


Xoán Hermida

Hai dous anos Galicia tiña dúas caixas, dous Bens Comúns, unha no Sur e outra no Norte,. Esta última contaminada polos activos tóxicos que durante anos a dirección da entidade, con Jose Luis Mendez á cabeza, foran introducindo.

Daquela, e sabendo que o culebrón aínda non acabara, escribín o seguinte:

“Sabedora dos problemas financeiros de Caixa Galicia e aproveitando a reestruturación bancaria a nivel estatal o Grupo Voz iniciou a campaña da galeguización das caixas.

Necesitaban un verniz de ‘pseudogaleguismo’ e ocultar ao verdadeiro interese: desmantelar o modelo caixas tal como o coñecemos ata o momento e deixar en mans do lobby coruñes o control financeiro do pais.

Diante das resistencias de Caixa Nova, representante nítido do sector empresarial produtivo fronte ao especulativo da caixa do norte, houbo que poñer en marcha a artillería patriótica e utilizar ao equipo dirixente dun BNG necesitado de trunfos como aval ideolóxico da operación. Así nun tramite de urxencia, coma non recorda o parlamento galego, PP e BNG aprobaron un nova lei de caixas nun prazo record de mes e medio.

Se os dirixentes do BNG houberan lido algo máis a
Marx e estudado algo de economía política saberían que: o proceso de fusións de caixas enmarcábase nun camiño de bancarización das mesmas; que a lei de caixas aínda que non fora recorrida polo goberno central ía ter pouco percorrido diante dun pacto PP-PSOE pola destrución do modelo de caixas tal como o coñecemos ata agora; que aínda que as dúas caixas non son alleas a este proceso de bancarización foi Caixa Galicia quen foi máis aló no proceso especulativo financeiro e polo tanto máis alonxado do tecido produtivo do noso país; e por último, que detrás do discurso “galeguista” do goberno existía unha operación máis ampla de absorción das nosas caixas por Caja Madrid.

A situación financeira de Caixa Galicia desaconsellou a operación de fusión a tres bandas e a partir de aí , e co beneplácito do Banco de España, Caixa Nova empezou a marcar a dirección da mesma.

Aínda así, o tándem PP-BNG dirixidos polo Grupo Voz intentaron unha última táctica de desacreditar ao presidente de Caixa Nova,
Julio Gayoso, sinalándoo como o causante dun posible fracaso da fusión.

O que non podían imaxinar
Feijóo e os seus acompañantes e que o pacto Rajoy-Zapatero para acabar coas caixas ía a ter un agasallo envelenado: o reparto de influencias entregando Caja Mediterránea ao PP e Caixa Galicia a Caixa Nova.

Así que o tan vilipendiado
Gayoso presidirá a nova caixa galega e a súa sede financeira estará na súa xurisdición. Derrota de Feijoo.”

Pero como o capital non para, o goberno do PSOE seguiu no seu peculiar descenso aos infernos do neoliberalismo, e Feijoo se quedara con mal sabor de boca aquilo foi soamente a primeira batalla.

A s
eguinte xa a coñecemos: a resultante da fusión NCG tivo que reconverterse nun banco por obrigación do goberno central que xa abrazara as políticas máis neoliberais e apareceu de salvador un executivo especializado en como mellorar a conta de resultados de grandes corporacións aproveitando as flutuacións dos mercados e abaratando os custes fixos, fundamentalmente de persoal.
Este salvador, Jose Maria Castellano, veu avalado polo propio presidente da Xunta de Galicia e como non podía ser menos por Santiago Rey Latorre. A operación da fusión impulsada por Feijoo e avalada polos sindicatos e algunha mente preclara do nacionalismo vai chegando ao porto que desexaban: que o lobby coruñés siga controlando NCG e de paso a súa influencia central na economía galega.

A ‘pre-xubilación’ de Jose Luis Pego e o nomeamento do novo director xeral Cesar González-Bueno , así como a procedencia profesional dos novos conselleiros fan sospeitar na continuidade dun modelo financeiro especulativo pouco implicado no desenvolvemento económico do país. A entrada segura de fondos de capitais foráneos deixaran en nada o conto da ‘galeguidade’.

Por certo, algunha vez veremos a Jose Luis Mendez encausado pola desfeita de Caixa Galicia ?

1 comentário: