22 de novembro de 2011

Do bipartidismo asimétrico ao monopartidismo imperfecto


Xoán Hermida

Eran moitas as interrogantes postas nas eleccións do 20-N. A menor de todas era sobre que ía gañar as eleccións xa que isto estaba claro hai bastantes meses.

As dubidas viñan fundamentalmente sobre como ían a resituarse as esquerdas diante da nova etapa política e como o movemento 15-M podía condicionar o voto no marco da propia esquerda.

O resultado electoral das pasadas eleccións xerais teñen unha lectura maior e outras menores.

A maior creo que parece evidente: fortalecese a hexemonía política e social da dereita. Un proceso que se ben tivo o seu paréntese durante a etapa do goberno Zapatero impulsado fundamentalmente polo descontento social coa xestión do Prestige e coa política militarista do goberno de Jose Maria Aznar, tratase dun proceso estrutural que vai dándose desde a década dos oitenta en consonancia coa hexemonía planetaria dos neocom e cos gobernos neoliberais de Ronald Reagan e Margaret Thatcher que marcaron a pauta e puxeron en evidencia a crise do modelo socialdemócrata, toda vez que non era capaz de plantexar un modelo global unha vez caída a alternativa soviética.

Sobre as lecturas menores -aínda que moi importantes- haberá que ver como se plantexa o futuro a propia esquerda toda vez que ao PSOE quédalle unha etapa de crise que non resolvera unicamente co cambio do liderazgo senón cunha revisión en profundidade das súas políticas e das súas iniciativas.

No marco da esquerda o ‘grande’ triunfador é IU, pero ollo isto pode tratarse dun espellismo ou dun cambio de tendencia en función de como xestionen o resultado. Non debemos esquecer que unha boa parte do resultado de IU debese ao desplume do PSOE e que nin tan sequera nestas circunstancias os resultados están próximos aos acadados polo PCE na transición ou pola propia IU no descalabro do felipismo (que por outro lado foi menor ao actual).

Ben é certo que a dirección de IU abordou as eleccións cun plantexamento inusitado dentro desa formación dando cabida as demandas do 15-M e abríndose a partidos ou sectores máis avanzados como ICV, Chunta ou IU Abierta (Llamazares) pero haberá que ver se isto é froito dun movemento táctico ou si se afianza esta nova situación no interior e se vencen as resistencias do aparato.

En todo caso será curioso observar por primeira vez un grupo parlamentario plural onde coexisten varios partidos -catro se ao final Compromis se incorpora ao mesmo- e varias correntes internas.

Unha mención especial merece a esquerda verde ou o ecosocialismo. A aposta de Equo non ten tido o resultado esperado ao non ter acadado representante na circunscrición de Madrid pero xogan ao seu favor varios elementos a ter en conta: primeiro o propio espazo político, o ecosocialismo apuntase como a esquerda do século XXI en todo o planeta e as forzas da esquerda nova van gañando espazo en Europa, de feito ata tres partidos desta nova esquerda van a estar no novo congreso xurdido das eleccións -ICV, Chunta, Compromis-. Por outra banda os 370.000 votos obtidos por Equo (deixando ao lado os votos de ICV) son unha corrente de simpatía moi alta tendo en conta ademais que as posibilidades máis aló de Valencia e Madrid eran nulas.

Unha segunda mención especial merecen os resultados en Euskadi onde Amaiur convertese na primeira forza en deputados disputándolle a hexemonía ao PNV. De como xestione Amaiur ese caudal de votos -de aposta pola paz e polo recoñecemento nacional- saberemos se o próximo lendakari chamase Iñigo Urkullo ou Arnaldo Otegui.

En Galicia a hexemonía da dereita faixe máis abafante que no resto do estado, pois tanto PSdG como BNG dan mostras de estar a outra cousa desde hai tempo.

O aumento de votos brancos e nulos -máis de 50.000-, o crecemento de EU –en máis de 40.000 votos-, ou os 10.000 votos dunha formación, máis virtual que real, como Equo amosan un descontento en sectores da esquerda, sobre todo a tendo en conta que sabíase que ese votos en termos prácticos non terían plasmación institucional.

Se os resultados de IU son relativamente bos, os resultados do 20N deixan unha nova caída lenta pero inexorable do BNG. A pesar de esa caída que se conta en miles de votantes o feito de que conserve os seus 2 deputados van a impedir a renovación interna e sitúan a asemblea de xaneiro nas mellores condicións para que a UPG renove a súa hexemonía.

As declaracións de Xosé Manuel Beiras alertando, como xa hai tempo fai, sobre un problema serio de conexión do BNG coa cidadanía, adquiren maior relevancia, toda vez que por vez primeira se albisca que a pesar do frío exterior Encontro Irmandiño esta disposto a iniciar a marcha. Xa veremos si isto se confirma ou non pero é todo un aviso relevante.

Non obstante creo que nos equivocariamos si a construción das novas estruturas plurais so se conformaran cos interfaces xa existentes e non tiveran en conta novas tendencias políticas (ecoloxismo político) e as novas formas de entender a política (radicalidade democrática -15M-).

Nese senso sen ser definitorios os 10.000 votos de Equo contrastan cos pouco máis de 1.000 de Converxencia XXI e apuntan que existe unha corrente de fondo que se sitúa máis próxima ao ecosocialismo que ao liberalismo na solución a encrucillada que ten o nacionalismo.

E ollo que as dúas únicas forzas da esquerda e/ou nacionalistas que retroceden son ERC e o BNG. E ambas teñen en común quedarse sen senadores nunha cámara onde a desafección xeral coa política se dispara cun número de votos nulos e brancos que superan os 2.000.000, case un 10% do total dos votos emitidos.

ERC desmarcouse da Entesa ao senado e queda sen senadores a diferenza do PSC (5) e de ICV (2) que mantiveron a alianza nacional; aquí o BNG desestimou a proposta unitaria feita por BenComún e tamén se queda sen a representación que lle quedaba nesa cámara (por designación autonómica). E ademais grazas á Entesa entre PSC-ICV Catalunya é a única comunidade onde o PP non saca senadores. A ter en conta !

O 20-N non venceu a pluralidade nin se derrotou o bipartidismo, máis ben pasamos dun bipartidismo asimétrico a un monopartidismo imperfecto.

Lamentablemente esta ‘imperfección’ ven promovida pola esquerda española e por Catalunya e Euskadi, namentres Galicia e a esquerda galega están ausentes.

Agora tratase de abrir un proceso de converxencia das correntes da esquerda nacional pero paralelamente a isto un proceso aberto a persoas e colectivos para construír o proxecto galeguista do século XXI: o ecogaleguismo.

Con vellos instrumentos e vellas ideas o único que teremos é hexemonía da dereita durante moito tempo.

Sem comentários:

Enviar um comentário